- O encontro, organizado por Cobre San Rafael e ASIME, reuniu en Vigo a representantes institucionais, empresariais e expertos do sector mineiro e industrial nun espazo de reflexión sobre o futuro económico da comunidade
- Cobre San Rafael presentou un estudo de impacto socioeconómico que prevé unha xeración de entre 1.600 empregos e máis de 216 millóns de euros en retorno fiscal
- A mesa redonda puxo o foco na importancia de integrar minería, industria e territorio para avanzar cara a un modelo produtivo moderno, eficiente e con valor engadido
Touro, 29 de maio de 2025.- O
Círculo de Empresarios de Galicia acolleu esta mañá a xornada
‘Minaría, industria e progreso: os recursos naturais como motor da economía galega’, organizada por
Cobre San Rafael en colaboración coa
Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME). O evento reuniu a representantes do
tecido institucional, empresarial e técnico nun foro de debate arredor do
papel estratéxico dos recursos naturais na
reactivación económica e na
transición ecolóxica da comunidade.
O acto deu comezo coa intervención de benvida de
Enrique Mallón, secretario xeral de
ASIME, quen salientou “a urxencia de dotarnos dunha
industria máis forte e conectada cos recursos naturais que temos, porque Galicia non pode seguir
exportando valor sen retorno social”. Mallón incidiu ademais na necesidade de “
axilizar de forma efectiva os procesos burocráticos, que moitas veces supoñen un freo á implantación de proxectos estratéxicos no territorio”.
Fernando Riopa, director xeral de Cobre San Rafael, foi o encargado de presentar o proxecto mineiro-metalúrxico que a compañía impulsa na contorna de Touro-O Pino, destacando o seu potencial para “xerar emprego de calidade, fixar poboación e dinamizar unha comarca que leva anos demandando oportunidades de futuro”. Riopa subliñou que a iniciativa suporá un investimento de preto de 500 millóns de euros en provedores locais, e contribuirá á creación de 12 postos de traballo directos por cada millón de euros de contribución fiscal.
Seguidamente, Daniel Domínguez, director de Gobernanza e Reporting ESG da consultora Valora, presentou os principais resultados do Estudo de Impacto Socioeconómico e de Contribución Tributaria do Proxecto Cobre San Rafael, elaborado por un equipo externo de consultores independentes. Segundo destacou, a actividade prevista terá un impacto estimado de 2.542,61 millóns de euros en Galicia e unha contribución tributaria acumulada de máis de 216 millóns de euros. En termos de emprego, o estudo prevé a creación de entre 1.583 e 1.963 empregos equivalentes a tempo completo, tanto directos como indirectos, ao longo da vida útil do proxecto.
A xornada continuou cunha mesa redonda baixo o título
“A reindustrialización de Galicia a partir do aproveitamento dos recursos naturais”, moderada por
Jennifer González, directora de Relacións Institucionais e Comercio Exterior de
ASIME. Participaron no coloquio
Carlos Martínez, director de Minería de
Recursos de Galicia e membro da Xunta Directiva da
Cámara Oficial Mineira de Galicia;
Olalla Cuiña, vicepresidenta de
Metaldeza;
Enrique Mallón e
Fernando Riopa.
Ao longo da conversa, os relatores abordaron temas como a
brecha existente entre o que produce hoxe a minería galega e as
necesidades da industria local transformadora, a importancia de
integrar tecnoloxía e eficiencia na cadea de valor, ou os principais
obstáculos que dificultan o crecemento industrial, como a burocracia, o custo da enerxía ou a escaseza de man de obra cualificada.
A mesa tamén deu pé á reflexión sobre a
percepción social da industria e a minería, e a necesidade de construír un
relato compartido que poña en valor o seu
impacto real e positivo no territorio.
Carlos Martínez sinalou que “precisamos derrubar os
prexuízos sobre a minería moderna e dar a coñecer con transparencia os avances en sustentabilidade, innovación e compromiso co territorio”. Pola súa parte,
Olalla Cuiña salientou “que os recursos que son de Galicia deben de repercutir directamente aquí, xerando emprego e futuro, especialmente no rural, onde a loita contra a despoboación require accións concretas tamén desde a industria”.
Fernando Riopa afondou na necesidade de construír unha nova relación entre a industria e a sociedade. “É comprensible que exista ambivalencia social. Durante moito tempo asociouse a minería a modelos do pasado, mais a minería moderna, se quere ser socialmente lexítima, debe operar baixo estándares moi esixentes en termos ambientais, técnicos e de gobernanza. E iso non é unha opción: é unha obriga”, insistiu o responsable do Proxecto Cobre San Rafael.
Enrique Mallón puxo o acento na colaboración entre empresas de diferentes tamaños e a aposta por unha reindustrialización baseada en datos, transparente e comprometida co territorio: “Cómpre un relato común que explique á sociedade o impacto real e positivo da industria”, destacou.
O encontro rematou coa intervención de
María Borrás, presidenta do
Círculo de Empresarios de Galicia, quen agradeceu a
participación de todos os relatores e asistentes e puxo en valor a necesidade de
seguir promovendo espazos de encontro nos que se promovan alianzas entre empresas e industrias. “Cando diferentes axentes se xuntan para debater con responsabilidade e visión de futuro, avanzamos cara a unha Galicia máis forte e cohesionada”, concluíu.
A xornada deixou a mensaxe de que Galicia conta cun importante potencial xeolóxico aínda por desenvolver. A
transición ecolóxica e a
reactivación industrial non son camiños opostos, senón complementarios, sempre que se aborden desde criterios técnicos. Apostar polos recursos propios, desde unha óptica sostible e inclusiva, é fundamental para construír unha Galicia produtiva, verde e con futuro.