O GOE-Asime reúnese en Ferrol para valorar a consulta para a 1ª poxa de eólica mariña
- O GOE-Asime afirma que o anuncio de consulta pública por parte do Goberno é unha boa nova, aínda que chegue con retraso.
- O grupo trasladará mañá ao Observatorio da Eólica Mariña de Galicia as súas reflexións para enviar á consulta pública do goberno: repercutir axeitadamente a implantación eólica mariña en redución de custos enerxéticos, valorar a capacidade industrial real dos promotores que se presenten ás poxas, e ponderar con especial forza a compoñente industrial local.
- Actualmente, en Galicia hai máis de 180 empresas que traballan xa para esta cadea de valor a nivel internacional, xerando 3.000 empregos directos e 2.000 indirectos. Con implantacións de parques no noso territorio poderían xerarase 5.000 novos postos de traballo e un efecto tractor noutras 200 empresas nos próximos 10 anos.
Dende o Grupo Galego de Energías Offshore (GOE-Asime) levan máis de 15 anos traballando na industria eólica mariña. Hoxe abordaron a situación das perspectivas para a industria de fabricación e produción de produtos e equipamentos para esta industria, e tamén, especialmente, o tema chave da consulta pública que abriu o Goberno de España en relación coas poxas futuras da eólica mariña: “Estamos debatendo hoxe sobre esa consulta pública, coas empresas que conforman o grupo, para sacar o maior número de conclusións posibles nas que traballaremos intensamente de aquí ao 24 de febreiro, que vence o prazo de consulta”.
Así mesmo, o GOE-Asime participa mañá na reunión do Observatorio Galego de Eólica Mariña, onde está Xunta, o sector da pesca e o sector industrial ao que representa a asociación. Alí levarán o posicionamento e reflexións que debaten hoxe coas empresas do grupo. “Ese diálogo que temos no Observatorio Galego da Eólica Mariña foi pioneiro a nivel europeo, e así o están replicando hoxe en día outras comunidades autónomas. Cremos que é moi positivo e mañá imos coa mellor disposición”.
Sobre as reflexións que elevarán a esa mesa de diálogo, o GOE-Asime destacada a necesidade de repercutir axeitadamente a implantación eólica mariña en redución de custos enerxéticos, valorar a capacidade industrial dos promotores que se presenten ás poxas, e ponderar con especial forza a compoñente industrial local.
“Queremos que nas poxas haxa unha valoración da capacidade industrial real do promotor para executar eses parques e que se valore na xusta medida a compoñente local. Non queremos que se poña unha barreira absoluta a produtos que veñan de fora, pero tampouco sería lóxico que non apostemos pola fabricación local, polo que nese sentido debemos dialogar co goberno de España para que esta oportunidade histórica repercuta positivamente nos nosos fogares e na nosa industria a través dunha menor factura enerxética, ese é o noso principal obxectivo”
Sobre a consulta pública, dende o GOE-Asime destacan que chega algo tarde para as perspectivas que tiña o sector, pero que “agora que por fin chegou temos que intentar acelerar o ritmo para impulsar esta industria de forma definitiva, tal e como marca a propia Unión Europea”.
Sobre a convivencia coa pesca, Enrique Mallón, Secretario Xeral de Asime, incidiu en que “debemos escoitar moi atentamente a pesca, unha actividade tan importante para Galicia e tamén para o noso propio sector industrial naval, coa que nós sempre defendemos que a convivencia é absolutamente posible. É o momento de analizar as posibilidades concretas de implantación que creemos que existen, onde estamos seguros de que Galicia debe ser unha das comunidades ou rexións prioritarias, probablemente xunto con Canarias, por seren zonas privilexiadas para esas primeiras implantacións de eólica mariña no noso país”.
Neste sentido, dende o GOE-Asime inciden en España pode implantar eses parques eólicos mariños tal e como xa o fixeron países como Escocia, Alemaña ou Francia, que son “boa mostra do desenvolvemento da enerxía eólica, una enerxía limpa e renovable fundamental para a descarbonización do noso país”.
“Galicia, dende logo, é unha garantía. Somos das rexións líderes en todo o mundo no relativo a fabricación de compoñentes e equipamentos para eólica mariña, especialmente co ecosistema que se creou especialmente no eixo Ferrolterra: Actualmente en Galicia somos líderes a nivel mundial, con empresas tractoras como Navantia, Windar e Ocean Waves, pero tamén cunha cadea de valor moi especializada con empresas como Industrias Ferri, Acebron e moitas outras. Hai máis de 60 empresas galegas que teñen gran parte da súa facturación anual dedicada á eólica mariña e outras 120 que traballan puntualmente para ela. A eólica mariña é unha oportunidade para a nosa industria porque hoxe en día en Europa só hai capacidade para prover a un 50% de todos os parques eólicos mariños que se planea desenvolver a nosa industria está moi ben preparada. Tanto é así que, dos 5 únicos parques eólicos flotantes implantados en Europa, 3 teñen compoñentes e tecnoloxía galega. Queremos seguir exportando, que é o que fixemos a agora, pero tamén cremos moi convinte que, preto das nosas costas, ala onde sexa axeitado e compatible, se poidan implantar parques eólicos mariños para ser provedores tamén nas nosas propias fronteiras.
Dende o GOE-Asime insisten en que, aínda así, o obxectivo fundamental non é fabricar máis menos para o sector metal galego, que xa ten unha capacidade ocupada superior ao 90%, o obxectivo real e máis prioritario é descarbonizar e reducir a factura enerxética para que cheguen a Galicia grandes proxectos industriais.
“Así nolo están dicindo dende a Unión Europea, que defende o que levamos moitos anos reclamando dende Asime: que se precisa de industria forte para manter o coñecemento e a calidade de vida que tivemos en Europa nas últimas décadas. Sen industria non é sostible, e para ter industria temos que ter custes enerxéticos reducidos que nos fagan competitivos”.
“Polo tanto, de nada serviría implantar eólica mariña se finalmente os custes enerxéticos non melloran. Esa implantación debe vir acompañada de medidas efectivas que repercutan na factura enerxética das industrias e dos cidadáns, algo que obviamente dará un pulo importante á cadea de valor industrial local.
A nivel de emprego, dende o GOE-Asime insisten na enorme oportunidade que ten España, e Galicia en particular, no segmento da eólica mariña. “Actualmente hai en Galicia 3.000 persoas traballando directamente e 2.000 de forma indirecta en offshore wind, podendo xerar 5.000 novos empregos directos nos próximos 10 anos e xerar un efecto tractor en 200 empresas”
O GOE-Asime reúnese en Ferrol para valorar a consulta para a 1ª poxa de eólica mariña
O GOE-Asime afirma que o anuncio de consulta pública por parte do Goberno é unha boa nova, aínda que chegue con retraso. O grupo trasladará mañá ao…
