GOE-Asime valora o anuncio de consulta para a 1ª poxa de eólica mariña
- O GOE-Asime afirma que o anuncio de consulta pública por parte do Goberno é unha boa nova, aínda que chegue con retraso.
- “É un paso indispensable para avanzar no desenvolvemento da eólica mariña no noso territorio, unha enerxía clave para abaratar os custos enerxéticos da nosa industria e dos nosos cidadáns”.
- Actualmente, en Galicia hai máis de 180 empresas que traballan xa para esta cadea de valor a nivel internacional, xerando 3.000 empregos directos e 2.000 indirectos. Con implantacións de parques no noso territorio poderían xerarase 5.000 novos postos de traballo e un efecto tractor noutras 200 empresas nos próximos 10 anos.
Valoración da consulta para a primeira poxa de eólica mariña
Enrique Mallón, Secretario Xeral do GOE-Asime, destacou que “esta consulta pública tería que ter chegado antes, pero agora mesmo estamos satisfeitos de que se produza porque é un paso non só suficiente, senón indispensable para poder avanzar na implantación de eólica mariña en Galicia”.
A nivel de emprego, dende o GOE-Asime insisten na enorme oportunidade que ten España, e Galicia en particular, no segmento da eólica mariña. “Actualmente hai en Galicia 3.000 persoas traballando directamente e 2.000 de forma indirecta en offshore wind, podendo xerar 5.000 novos empregos directos nos próximos 10 anos e xerar un efecto tractor en 200 empresas”.
Pero non só se trata de emprego, inciden dende Asime, senón do ecosistema de fabricación e construción de elementos para parques eólicos mariños que se creou especialmente no eixo Ferrolterra: “Actualmente en Galicia somos líderes a nivel mundial, con empresas tractoras como Navantia, Windar e Ocean Waves, pero tamén cunha cadea de valor moi especializada con empresas como Industrias Ferri, Acebron e moitas outras. Hai máis de 60 empresas galegas que teñen gran parte da súa facturación anual dedicada á eólica mariña e outras 120 que traballan puntualmente para ela. A eólica mariña é unha oportunidade para a nosa industria porque hoxe en día en Europa só hai capacidade para prover a un 50% de todos os parques eólicos mariños que se planea desenvolver a nosa industria está moi ben preparada. Tanto é así que, dos 5 únicos parques eólicos flotantes implantados en Europa, 3 teñen compoñentes e tecnoloxía galega”.
Se ben é certo que estas empresas galegas están actualmente a un 90% de capacidade produtiva ocupada, os potenciais parques eólicos mariños a implantar nas nosas costas tardarían como mínimo 6 anos en desenvolverse, polo que hai marxe para asumir eses novos traballos. De feito, a compoñente local é unha das grandes reivindicacións de Asime:
“Nas aportacións que traslademos á consulta pública do ministerio incidiremos especialmente na necesidade de ponderar con maior peso o compoñente local na valoración das poxas futuras que se saquen a concurso, para asegurar así un beneficio económico e social relevante para Galicia, onde se conta coas empresas da cadea de valor local para a construción deses parques mariños en augas galegas, que á súa vez paliarían os custos enerxéticos de industria e de cidadáns”.
Respecto aos seguintes pasos, o GOE-Asime espera que por fin se axilicen os trámites, tal e como solicitou a propia Unión Europea: “Poñer en marcha a primeira poxa é fundamental para empezar a conformar eses parques eólicos mariños en España, que, como ben dicimos sempre dende Asime, deben ser aqueles que se sexa razoables, compatibles con medio ambiente, co eido mariño e por suposto coa pesca, coa que non temos ningunha dúbida de que é posible a convivencia; así o demostran os 37GW de eólica mariña instalados xa no norte de Europa, con Reino Unido e Alemaña á cabeza. Aquí estamos a falar de implantar, entre 1 e 3GW de aquí a 2030 para toda España e 800 megavatios en Galicia, e de ocupar, como máximo, o 0.46% da superficie mariña de toda España”.
“Para nós a compatibilidade é innegable, agora é o momento de decidir onde e en que intensidade implantar eses parques nas nosas augas, e o faremos no marco do Observatorio da Eólica Mariña promovido pola Xunta de Galicia, onde estamos todos os actores implicados, pero dende logo Asime nunca vai promover decisións que prexudiquen a nosa comunidade, porque a clave desta implantación de eólica mariña reside precisamente no beneficio para a nosa cidadanía e a nosa industria, cun abaratamento dos custos enerxéticos e unha garantía de suministro que nos faga ter unha maior independencia enerxética, porque está claro que co convulso panorama internacional que temos, non aproveitar o noso recurso renovable sería un erro que non podemos permitirnos, porque vai en detrimento do benestar e do futuro da nosa propia sociedade”.
GOE-Asime valora o anuncio de consulta para a 1ª poxa de eólica mariña
O GOE-Asime afirma que o anuncio de consulta pública por parte do Goberno é unha boa nova, aínda que chegue con retraso. “É un paso indispensable para…
