Constituida a comisión negociadora para o convenio colectivo do metal de Pontevedra
Hoxe, venres 27 de xaneiro, constituíuse a comisión negociadora para o convenio colectivo de traballo para empresas do metal sen convenio propio da provincia de Pontevedra.
A mesa negociadora estará integrada por ASIME, ATRA, INSTALECTRA como representantes da parte empresarial e por CCOO, UGT y CIG como representantes da parte sindical.
Este convenio afecta a 33.000 traballadores e 3.700 empresas. É o maior convenio en volume de toda Galicia, e o 6º de entre as 50 provincias españolas. É convenio dun sector moi amplo, competitivo e diversificado, tal e como explicaron as partes negociadores, que engloba actividades como automoción, aeronáutica, industria naval, estruturas metálicas, instaladores eléctricos, recubrimentos, talleres de reparación….
Enrique Mallón, Secretario General de Asime, declarou en representación de las entidades empresariais (Asime; ATRA e Instaelectra): “A vontade da parte empresarial, ao igual que da parte sindical, é chegar a un acordo sen presa pero sen pausa, con reunións inicialmente cada 15 días. Temos un papel difícil polo contexto actual, que ten como punto positivo unha carga de traballo alta pero moitos retos ligados aos costes loxísticos e enerxéticos desmesurados, carencia de persoal cualificado, unha inflación alta e a inestabilidade da invasión de Rusia en Ucraína. Dende a parte empresarial comezamos esta negociación coa máxima responsabilidade, comprometidos co diálogo para dar pe a un texto de vangarda e que nos permita seguir sendo competitivos e mantendo a paz social como levamos facendo dende hai anos”.
Xulio Fernández, responsable comarcal da CIG Industria en Vigo, declarou: “Como non asinantes do anterior convenio, nós abordámolo como unha nova oportunidade para recuperar factores sociais en temas como a redución da xornada anual ou a subrogación de empresas privadas en empresas principais, así como manter o poder adquisitivo no marco da inflación actual. Ningunha das partes queremos chegar á conflitividade, pola nosa parte entramos coa mellor vontade nesta negociación”.
Celso Carnero, Secretario Xeral de CCOO Industria Vigo, engadiu: “Afrontamos esta negociación coa esperanza de que esta vez si que cheguemos a un convenio que asinen todas as partes sindicais implicadas, algo que non se produce dende 2009. Temos que por en valor o último convenio firmado, que a pesar de acordarse en época de pandemia conseguiu dereitos e avances importantes nos que queremos seguir afondando. Ademais, a falta de persoal cada vez é máis latente e as condicións deste convenio funcionan como un polo de atracción de profesionais para garantir a continuidade do sector”.
Rubén Pérez, Secretario General de UGT Industria en Vigo, declarou: “Pomos en valor o último convenio firmado, que nun contexto de dificultade permitiu que os salarios subiran un 12,7% nestes tres últimos anos sen sacrificar ningún dereito dos traballadores e traballadoras. Agora ábrese unha oportunidade para conquistar novos dereitos e adaptarnos a novas realidades como a da reforma laboral, que lle dá se cabe aínda máis transcendencia ao noso convenio, porque agora todas as empresas do sector, aínda que teñan convenios propios, están obrigadas a manter as condicións salariais marcadas no convenio sectorial. A nosa vontade e práctica é facer os esforzos necesarios para chegar a acordos neste convenio de referencia, adaptado ao novo marco de contratación da reforma laboral”.
A primeira reunión da Comisión Negociadora celebrarase o vindeiro 7 de febreiro ás 16.00hs, no Hotel Coia de Vigo.