Asime reúnese co Concello de As Pontes para colaborar na atracción de novos proxectos industriais
A Vicepresidenta e o Secretario Xeral de Asime, Rebeca Acebrón e Enrique Mallón, mantiveron hoxe un encontro co alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e a concelleira responsable de Industria, Ana Pena, co obxectivo de establecer un marco de colaboración que permita a atracción de novos proxectos cara ao municipio.
González Formoso, apuntou que “atopámonos nun momento crucial para o futuro da nosa vila, é un momento no que é preciso aproveitar todos os recursos dispoñibles para promover a industrialización, tanto do municipio como da nosa comarca. Contar coa colaboración dunha entidade coa envergadura de Asime, ofrecéndose a poñer á nosa disposición todas as ferramentas e recursos dos que dispón, ten unha gran importancia para atraer actividade industrial cara a As Pontes”.
Pola súa banda, dende Asime, Enrique Mallón subliñou que “nos últimos anos asistimos a un progresivo debilitamento do noso tecido industrial. Agora é o momento de colaborar entre todos para atallar esta situación, facendo valer o enorme potencial desta zona e conseguindo que recaian nela fondos europeos, especialmente aqueles ligados á transición xusta. Desde Asime estamos poñendo en marcha varios proxectos tractores e presentaremos un volume relevante de proxectos nos próximos meses que perseguirán a transformación do sector do metal galego. Temos unha industria forte cun enorme know-how, temos que traballar para facela atractiva a investimentos e facilitar esas posibilidades”
A través desta colaboración, Asime establecerá canles de comunicación coas 600 empresas asociadas coas que conta en toda Galicia para amosar as potencialidades do municipio, colaborará co Concello na posta en marcha de plans de formación orientados á xeración de emprego, ofrecendo tamén a posibilidade de avaliar a repercusión de calquera proxecto industrial que se instalase nun futuro no municipio.