Noticias de Asime

Asime oferta 1.000 prazas en 50 cursos gratuitos en competencias industriais

  • A patronal do metal, dentro do seu compromiso coa formación e o emprego, organiza un plan de cursos presenciais nas súas tres sedes de Vigo, Lugo, Narón e tamén en formato en liña.
  • A iniciativa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e fondos europeos next generation, oferta máis de 1.000 prazas en 50 cursos diferentes ata final de ano.

Asime, no seu compromiso coa formación e capacitación, ten en marcha un programa formativo en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

O programa está financiado pola Unión Europea no marco dos NextGenerationEU e formou xa a máis de 400 persoas en competencias clave para o sector industrial desde o mes de xuño. Agora, abre outras 1.000 prazas en 50 cursos diferentes no que queda de ano, cunha oferta formativa sen precedente, que busca ofrecer oportunidades de cualificación e recualificación da poboación activa en sectores estratéxicos como o da industria do metal e as súas tecnoloxías asociadas

Enrique Mallón, Secretario Xeral de Asime, declarou: “O sector do metal ten un déficit de 500 persoas para cubrir os pedidos e contratos pechados a día de hoxe e 800 traballadores e traballadoras son necesarios de forma permanente, con especial demanda na eólica mariña, naval, e maquinaria industrial, que precisan perfís que van dende electromecánicos a soldadores, enxeñeiros, técnicos de automatización robótica ou tubeiros con formación específica como esta que ofrecemos. Con programas como estes buscamos precisamente contribuír a solucionar a brecha existente entre demanda de perfís e cualificación dos traballadores, xerando emprego e potenciando o crecemento do sector industrial”.

Con esta iniciativa, Asime ofertará de forma gratuíta máis de 50 cursos para 1.500 persoas ata final do ano 2022, dando resposta ás necesidades reais do sector, que afronta a importantes cambios relacionados coa dixitalización ou a transición enerxética.

En Vigo terán lugar cursos sobre instalacións frigoríficas, prevención de riscos en construción, interpretación de planos, soldadura, mantemento e montaxe industrial, fabricación mecánica, deseño de estruturas metálicas e da construción naval, deseño2D e 3D en autocad, instalacións solares fotovoltaicas, caldeiraría ou carretilla elevadora.

En Lugo, pola súa banda, centraranse en automatización industrial, sistemas domóticos, parques eólicos, prevención de riscos en instalación fotovoltaicas e na construción, soldadura e tubaxe.

Así mesmo, as persoas que o prefiran poden formarse tamén nun amplo catálogo de cursos en liña que cobren áreas como deseño naval, deseño de robótica, caldeirería, phyton, enerxía eólica, automatización industrial, inglés empresarial, documentación normativa sistemas de xestión ambiental, plan de marketing internacional ou asistencia á dirección.

Todos os cursos están abertos a persoas traballadoras ou en situación de desemprego, e non supoñen custo algún para os participantes nin tampouco para as empresas, que non consomen crédito de fundae ao non necesitar bonificar os cursos.

As persoas interesadas poden consultar toda a información e inscribirse a través da web  www.asimeformacion.es

Compartir

Compartir en facebook
Facebook
Compartir en twitter
Twitter
Compartir en linkedin
LinkedIn
X