A Tecnolóxicas Week percorre Galicia fomentando vocacións técnicas
- O proxecto Tecnolóxicas, impulsado por Asime en colaboración co Igape, busca contribuír a pechar a brecha de xénero existente no sector industrial e tecnolóxico. Para iso, dá visibilidade a mulleres que estudan ou traballan no sector, para que inspiren a outras mozas a optar por estas carreiras e empregos.
- Durante toda esta semana, a iniciativa percorre distintos municipios de Galicia con talleres tecnolóxicos en centros educativos, visitas de estudantado a empresas da contorna, cursos online en competencias dixitais e un concurso en redes sociais co que poden gañar unha tableta.
A iniciativa Tecnolóxicas, impulsada por Asime en colaboración co Igape, pretende achegar o sector á poboación moza, nomeadamente ás nenas e rapazas, xa que busca reducir a brecha de xénero existente na industria e na tecnoloxía.
Durante toda esta semana, o proxecto percorrerá distintos municipios de Galicia con eventos paralelos en distintos municipios.
Talleres tecnolóxicos en centros educativos
En colaboración coa empresa Kidcode, o proxecto impartirá durante esta semana unha vintena de talleres en 7 centros educativos de Lugo, Ferrol, Vigo, Mos, Redondela e Narón, chegando a máis de 400 alumnos e alumnas dende 4º de primaria ata 4º da ESO.
Nestes talleres achegarase a tecnoloxía ao estudantado, de forma práctica e en áreas do seu interese, como o deseño do seu avatar STEAM, descuberta da Intelixencia artificial, deseño dun videoxogo, deseño 3d ou xeración dun chatbot con IA.
Visitas a empresas da contorna
Co obxectivo de xerar vocacións temperás, durante esta semana organízanse visitas a empresas do sector, para que o estudantado de diversos centros coñeza de preto que traballos poden desenvolver na súa contorna dentro do sector industrial e tecnolóxico. Búscase así “desbotar a imaxe errónea que aínda existe ás veces sobre a industria, como se foran traballos perigosos, fríos ou sucios, cando a realidade actual no sector é ben distinta, onde prima a seguridade, a tecnoloxía e a innovación, e demostrar que esta pode ser unha excelente saída profesional para todos e todas”.
Nas visitas participan estudantes de 3º de ESO a bacharelato, dos centros IES de Mos, Jorge Juan de Ferrol e Jesús Maestre en Narón, que visitarán respectivamente as empresas Ganaín, Cesena Siemens e Detegasa.
Formacións online para mulleres
Para público de maior idade, a Tecnolóxicas Week está impartindo durante toda a semana cursos online 100% gratuítos para mulleres que queiran impulsar a súa carreira profesional a través da dixitalización ou reforzar as súas competencias dixitais ao longo da vida.
Son un total de 4 cursos online en directo sobre Python, simplificación de trámites dixitais, autodefensa dixital na era da IA e uso da Intelixencia Artificial para impulsar a carreira profesional.
Concurso en TikTok
Por último, o proxecto leva meses impulsando unha campaña de redes sociais en TikTok, a rede por excelencia entre a xeración Z (adolescentes e mozos nacidos a partir de 1996). Dende Asime destacan a importancia de actuar entre os públicos máis novos, falando o seu idioma e nas canles que consumen habitualmente.
Neste contexto, a influencer Paula Vilaboy (@blondiemuser) e outras mozas tecnólogas animaron ás rapazas a decantarse por este sector e compartir a súa experiencia para inspirar a outras mozas. Agora, durante a Tecnolóxicas Week, o proxecto lanza un concurso onde se sortea unha tableta Samsung. Para participar, as persoas interesadas deben seguir a conta oficial de @tecnoloxicas en TikTok, dar “me gusta” ao vídeo publicado no perfil de la organización e mencionar nos comentarios a un ou varios amigos/as.
Consulta aquí todas as bases do concurso.
Declaracións
Desde Asime destacan: “con programas como Tecnolóxicas pretendemos achegar a realidade industrial ás persoas máis novas para fomentar as súas vocacións temperás no ámbito técnico-tecnolóxico, e animar especialmente ás mulleres a optar por unha saída estable, de futuro e ben remunerada como a que ofrecen as profesións industriais. O reto non é unicamente atraer talento, senón evitar que se perda polo camiño. Moitas vocacións non chegan a desenvolverse pola persistencia de estereotipos, pola falta de referentes próximas ou polo descoñecemento das oportunidades reais que ofrece a industria e a tecnoloxía. Por iso, con esta iniciativa queremos visibilizar as mulleres que xa están liderando neste sector, para que inspiren ás novas xeracións a seguir os seus pasos”.
Dende Asime inciden en que “a brecha e estereotipos de xénero comezan a xerarse dende idades temperás, nomeadamente na educación primaria. Por iso son necesarias actuacións coma estas, nas que mostremos que as mulleres tamén contan coas capacidades para optar por carreiras técnicas, e nas que lle deamos voz a esas mulleres referentes que xa existen na industria da contorna, para que poden inspirar a outras mozas a decantarse por este sector. Queremos que as rapazas das novas xeracións sexan conscientes de que elas tamén poden ser tecnolóxicas, derrubar as barreiras e estereotipos que poidan levalas a desbotar esta opción profesional”.
A brecha no sector industrial e tecnolóxico
Sobre datos, dende Asime salientan que as titulacións STEM presentan unha taxa de ocupación superior ao 92% nos dous primeiros anos tras finalizar os estudos, ademais de acceder ao emprego de forma máis rápida e estable. Con todo, esta elevada empregabilidade non se traduce aínda nunha presenza equilibrada de mulleres na industria e a tecnoloxía, especialmente en posicións técnicas de responsabilidade e liderado. E paradóxicamente tampouco nas aulas, onde lonxe de aumentar o número de egresadas en carreiras e FPs técnicas, a brecha de xénero persiste ou medra, xa que 90% dos estudantes de enxeñería seguen sendo homes.
A Tecnolóxicas Week percorre Galicia fomentando vocacións técnicas
O proxecto Tecnolóxicas, impulsado por Asime en colaboración co Igape, busca contribuír a pechar a brecha de xénero existente no sector industrial e tecnolóxico. Para iso, dá…










