Noticias de Asime

Industria do metal e mineira defenden unha Galicia produtiva e verde baseada en recursos propios

  • O encontro, organizado por Cobre San Rafael e ASIME, reuniu en Vigo a representantes institucionais, empresariais e expertos do sector mineiro e industrial nun espazo de reflexión sobre o futuro económico da comunidade
  • Cobre San Rafael presentou un estudo de impacto socioeconómico que prevé unha xeración de entre 1.600 empregos e máis de 216 millóns de euros en retorno fiscal
  • A mesa redonda puxo o foco na importancia de integrar minería, industria e territorio para avanzar cara a un modelo produtivo moderno, eficiente e con valor engadido

Touro, 29 de maio de 2025.- O Círculo de Empresarios de Galicia acolleu esta mañá a xornada ‘Minaría, industria e progreso: os recursos naturais como motor da economía galega’, organizada por Cobre San Rafael en colaboración coa Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME). O evento reuniu a representantes do tecido institucional, empresarial e técnico nun foro de debate arredor do papel estratéxico dos recursos naturais na reactivación económica e na transición ecolóxica da comunidade.

O acto deu comezo coa intervención de benvida de Enrique Mallón, secretario xeral de ASIME, quen salientou “a urxencia de dotarnos dunha industria máis forte e conectada cos recursos naturais que temos, porque Galicia non pode seguir exportando valor sen retorno social”. Mallón incidiu ademais na necesidade de “axilizar de forma efectiva os procesos burocráticos, que moitas veces supoñen un freo á implantación de proxectos estratéxicos no territorio”.

Fernando Riopa, director xeral de Cobre San Rafael, foi o encargado de presentar o proxecto mineiro-metalúrxico que a compañía impulsa na contorna de Touro-O Pino, destacando o seu potencial para “xerar emprego de calidade, fixar poboación e dinamizar unha comarca que leva anos demandando oportunidades de futuro”. Riopa subliñou que a iniciativa suporá un investimento de preto de 500 millóns de euros en provedores locais, e contribuirá á creación de 12 postos de traballo directos por cada millón de euros de contribución fiscal.

Seguidamente, Daniel Domínguez, director de Gobernanza e Reporting ESG da consultora Valora, presentou os principais resultados do Estudo de Impacto Socioeconómico e de Contribución Tributaria do Proxecto Cobre San Rafael, elaborado por un equipo externo de consultores independentes. Segundo destacou, a actividade prevista terá un impacto estimado de 2.542,61 millóns de euros en Galicia e unha contribución tributaria acumulada de máis de 216 millóns de euros. En termos de emprego, o estudo prevé a creación de entre 1.583 e 1.963 empregos equivalentes a tempo completo, tanto directos como indirectos, ao longo da vida útil do proxecto.

A xornada continuou cunha mesa redonda baixo o título “A reindustrialización de Galicia a partir do aproveitamento dos recursos naturais”, moderada por Jennifer González, directora de Relacións Institucionais e Comercio Exterior de ASIME. Participaron no coloquio Carlos Martínez, director de Minería de Recursos de Galicia e membro da Xunta Directiva da Cámara Oficial Mineira de Galicia; Olalla Cuiña, vicepresidenta de Metaldeza; Enrique Mallón e Fernando Riopa.

Ao longo da conversa, os relatores abordaron temas como a brecha existente entre o que produce hoxe a minería galega e as necesidades da industria local transformadora, a importancia de integrar tecnoloxía e eficiencia na cadea de valor, ou os principais obstáculos que dificultan o crecemento industrial, como a burocracia, o custo da enerxía ou a escaseza de man de obra cualificada.

A mesa tamén deu pé á reflexión sobre a percepción social da industria e a minería, e a necesidade de construír un relato compartido que poña en valor o seu impacto real e positivo no territorio. Carlos Martínez sinalou que “precisamos derrubar os prexuízos sobre a minería moderna e dar a coñecer con transparencia os avances en sustentabilidade, innovación e compromiso co territorio”. Pola súa parte, Olalla Cuiña salientou “que os recursos que son de Galicia deben de repercutir directamente aquí, xerando emprego e futuro, especialmente no rural, onde a loita contra a despoboación require accións concretas tamén desde a industria”.

Fernando Riopa afondou na necesidade de construír unha nova relación entre a industria e a sociedade. “É comprensible que exista ambivalencia social. Durante moito tempo asociouse a minería a modelos do pasado, mais a minería moderna, se quere ser socialmente lexítima, debe operar baixo estándares moi esixentes en termos ambientais, técnicos e de gobernanza. E iso non é unha opción: é unha obriga”, insistiu o responsable do Proxecto Cobre San Rafael.

Enrique Mallón puxo o acento na colaboración entre empresas de diferentes tamaños e a aposta por unha reindustrialización baseada en datos, transparente e comprometida co territorio: “Cómpre un relato común que explique á sociedade o impacto real e positivo da industria”, destacou.

O encontro rematou coa intervención de María Borrás, presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, quen agradeceu a participación de todos os relatores e asistentes e puxo en valor a necesidade de seguir promovendo espazos de encontro nos que se promovan alianzas entre empresas e industrias. “Cando diferentes axentes se xuntan para debater con responsabilidade e visión de futuro, avanzamos cara a unha Galicia máis forte e cohesionada”, concluíu.

A xornada deixou a mensaxe de que Galicia conta cun importante potencial xeolóxico aínda por desenvolver. A transición ecolóxica e a reactivación industrial non son camiños opostos, senón complementarios, sempre que se aborden desde criterios técnicos. Apostar polos recursos propios, desde unha óptica sostible e inclusiva, é fundamental para construír unha Galicia produtiva, verde e con futuro.

Compartir

Facebook
Twitter
LinkedIn
X