
O sector elevou os ingresos un 11% en 2017 e un 7% o emprego. Calcula que necesita 3.000 traballadores e prepara un plan de formación
Diario de Pontevedra
O sector metalúrxico galego pechou 2017 coas contas do que espera que sexa definitivamente a remontada. As súas mellores cifras nunha década revelan un incremento da facturación dun 11%, para chegar aos 13.125 millóns de euros, e unha alza do emprego dun 7%, ao ocupar 64.500 persoas. E esas xa non abondan. De feito, a Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia (Asime) calcula que o sector precisará ir incorporando unhas 3.000 e prepara un plan urxente de formación, á vista das dificultades de cubrir todas esas necesidades con persoal cualificado.
O aviso, que amplía o alcance do lanzado hai uns días polo estaleiro Barreras ao advertir dun «problema grave» para encontrar persoal na industria local, chega coas «boas perspectivas» do metal. De feito, tras un 2016 no que aínda se destruíu emprego, en 2017 melloraron cifras todas as actividades que engloba esa industria, que concentran un 20% do PIB galego e van do naval á automoción, pasando polas estruturas metálicas ou a aeronáutica. O balance anual de Asime mostra que tamén creceu o número de empresas, 3.642, un 2,4% máis, mentres as exportacións quedaron estancadas.
Todo isto non evita que o secretario xeral da patronal, Enrique Mallón, advirta de que non hai que deixarse levar pola «euforia», porque aínda non se recuperaron os niveis previos á crise. O «obxectivo ideal» sería chegar a unha facturación de 15.000 millóns e a uns 70.000 traballadores.
De momento, as necesidades que identifica Asime no sector apuntan a que son precisos 3.000 profesionais no horizonte cercano, sobre todo para o naval —1.500— e a automoción e metalmecánica. É que faltan desde soldadores a torneiros, fresadores ou delineantes. Así as cousas, cunha perspectiva que podería obrigar a buscar persoal fóra ou tirar de subcontratas, o colectivo pide financiamento público para que se poidan poñer en marcha de forma urxente programas formativos. Para empezar, avanzou que ultima un «plan de choque» para formar unhas 1.200 persoas, orientadas cara ao sector naval polas urxencias que impoñen os seus contratos.
Asime, que incide en que xa advertira hai tempo das necesidades de preparar e reciclar persoal, considera que será necesario formar no medio prazo outros 1.500 profesionais para o resto de actividades do metal. Máis aló destas necesidades, apunta outros retos: mellorar o acceso ao crédito, explorar novos nichos de mercado, abaratar o solo industrial e atraer capital estranxeiro, por exemplo.