O reitor da UDC e o presidente de Asime reúnense para buscar liñas de colaboración
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente da Asociación de Industrial do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), Justo Sierra, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para establecer posibles liñas de colaboración en proxectos de investigación e innovación de interese para ambas as dúas entidades no marco dos fondos europeos de recuperación.
Á reunión, que tivo lugar na Reitoría, asistiron tamén o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, a Adxunta para Transferencia, Sonia Zaragoza, a vicepresidenta de Asime, Rebeca Acebrón, e o Secretario Xeral da asociación, Enrique Mallón.
Asime, con sedes en Vigo, Narón e Lugo, está formada por máis de 600 empresas que agrupan máis de 67.000 traballadores, cunha facturación que supón o 20% do PIB galego. Engloba firmas de automoción, metalmecánica e transporte, naval; marítima e enerxías mariñas; construcións e estruturas metálicas; aeronáutica; aluminio; ascensores e elevadores; e servizos complementarios de loxística, e sistemas de información e comunicación.
A Universidade da Coruña e Asime participan no Infab Hub, un Digital Innovation Hub transfronteirizo co Norte de Portugal no que participan organizacións, infraestruturas e coñecemento para que o sector industrial poida transformar os seus procesos de fabricación aumentando a súa competitividade. Neste hub inclúense ademais outras asociacións industriais, centros de investigación, empresas privadas, organismos de I+D e universidades, actores clave no proceso de innovación empresarial e industrial, que están a traballar para impulsar proxectos conxuntos no marco dos fondos europeos de recuperación.